Ciencia Singular, décimo aniversario

Ciencia Singular 2026

Preguntas frecuentes

Respostas ás dúbidas máis habituais sobre a inscrición, as visitas e as actividades para crianzas.

Ir ao formulario de inscrición

Inscrición e prazas

Cando abre e pecha a inscrición?

A inscrición abre o 15/10/2026 ás 16:00 e está previsto que peche o 23/10/2026 ás 16:00. Pode pechar antes se as listas de agarda acadan o límite previsto. Podes cubrir o formulario antes da apertura: o botón de envío activarase automaticamente cando chegue a hora.

Quen debe facer a inscrición? Podo inscribir a outras persoas comigo?

Debe realizala unha persoa maior de idade cos seus datos de contacto. No mesmo formulario pode engadir ata catro acompañantes, adultos ou menores. Debe haber polo menos unha persoa adulta por cada dúas menores de idade.

Cantos acompañantes podo engadir? Teñen que facer unha inscrición propia?

Podes engadir ata catro acompañantes no teu formulario; non precisan enviar outra inscrición. Completa só as filas das persoas que vaian acudir e deixa baleiras as demais.

Podo escoller varios centros? E dous centros á mesma hora?

Podes solicitar visitas a un máximo de catro centros. Escolle horas distintas para poder asistir a todas: se marcas dous centros á mesma hora, o sistema considerará a selección como un erro e no resumo do formulario aparecerá un aviso para que revises a túa inscrición.

Enviar o formulario significa que xa teño praza confirmada?

Non necesariamente. Ao enviar o formulario recibirás un correo co estado de cada visita: pode haber prazas confirmadas e solicitudes en lista de agarda na mesma inscrición. Antes de acudir, comproba que a visita concreta figure como confirmada.

Onde podo consultar o estado de cada visita se non atopo o correo?

O correo de inscrición inclúe unha ligazón á túa páxina de estado, que mostra a información máis recente. Revisa tamén a carpeta de correo non desexado. Se non atopas a mensaxe ou facilitaches un enderezo incorrecto, escribe a citius.tic@usc.es.

Que significa estar en lista de agarda? Cando se empezan a asignar esas prazas?

A visita aínda non ten praza confirmada. As listas comezan a moverse cando pecha a inscrición ou antes, a medida que se van enchendo as quendas, e poden seguir movéndose ata o 23/10/2026 ás 22:00. Se se che asigna unha praza, recibirás un correo.

A medida que se achegue a xornada, as solicitudes que estean moi abaixo na lista e para as que xa non se prevexa unha praza poderán pasar a «Sen praza». Consulta a túa páxina de estado: se a visita non figura como confirmada, non acudas a esa quenda.

Que significa que unha visita pase a «Sen praza»?

Significa que, tras revisar a dispoñibilidade, non se che pode ofrecer unha praza para ese centro e esa hora. Enviarase un aviso por correo e poderás consultar o estado na ligazón da túa inscrición. Se solicitaches outros centros, as súas reservas ou listas de agarda seguen xestionándose por separado.

Ata cando podo cancelar unha visita ou retirar un acompañante?

Podes facelo desde a ligazón da túa inscrición ata o 23/10/2026 ás 22:00. Se xa pasou ese prazo ou precisas outro cambio, escribe a citius.tic@usc.es. Cancelar o que non vaias utilizar axuda a liberar prazas para outras persoas.

Crianzas e actividades

Teño que inscribir tamén as crianzas menores de 7 anos?

Si. Todas as persoas que vaian asistir deben figurar na inscrición, tamén as crianzas menores de 7 anos. Engádeas como acompañantes e escolle a súa franxa de idade e modalidade.

Teño que inscribir as crianzas de 0 a 3 anos, aínda que vaian comigo durante toda a quenda?

Si. Engádeas como acompañantes coa franxa «0–3 anos». Así o centro coñecerá o número real de persoas asistentes. Ten en conta que para estas idades non hai actividades programadas.

Que poden facer as crianzas de 0 a 3 anos durante a visita? Poden participar nas actividades infantís?

Para esta idade só está dispoñible «Sen actividades (acompañamento)». Esta opción busca facilitar a conciliación familiar: as crianzas poden acudir coa súa familia, pero non teñen actividades programadas nin poden participar nas infantís. Deben permanecer sempre cunha persoa adulta responsable. Se queres que a crianza te acompañe nas visitas ou nos laboratorios, indícao en «Observacións». O centro valorará se pode acceder segundo as condicións da actividade e o aforo dispoñible; non podemos garantilo.

Que significa «Sen actividades (acompañamento)»?

Significa que a crianza non participa nas actividades infantís e permanece cunha persoa adulta responsable. É unha opción para facilitar a asistencia de unidades familiares completas, non unha actividade infantil adicional. O acceso da crianza ás visitas e aos laboratorios depende das condicións de cada centro e non está garantido.

Pode unha crianza de 4 a 6 anos apuntarse ás actividades infantís?

As actividades infantís están dirixidas principalmente a crianzas a partir de 7 anos. Entre os 4 e os 6 anos, só se pode participar nas actividades cuxo programa admita expresamente esa idade. Consulta o programa de cada centro antes de escoller esta modalidade. O formulario tamén ofrece «Sen actividades (acompañamento)», seleccionada por defecto, na que a crianza non participa nas actividades infantís e queda cunha persoa adulta responsable.

Teño que acompañar a crianza durante as actividades infantís?

As actividades infantís e o percorrido de adultos desenvólvense en zonas diferentes de cada edificio. En xeral, as crianzas participan nas actividades co persoal monitor, sen a persoa adulta que as inscribiu. O acompañamento familiar dentro das actividades infantís non se ofrece con carácter xeral. Se unha crianza precisa apoio ou acompañamento específico, explícao en «Observacións» para que o centro valore a solicitude; non podemos garantir que poida atendela.

Isto refírese ás crianzas inscritas en «Actividades infantís». Na modalidade «Sen actividades (acompañamento)», a crianza permanece coa persoa adulta durante toda a quenda e non participa nas actividades infantís.

Que ocorre se unha crianza menor de 7 anos non pode participar nas actividades nin acompañar as persoas adultas na visita?

Nese caso, unha persoa adulta deberá quedar con ela sen realizar a visita. Se inscribes como acompañantes unha persoa adulta e unha crianza de 0 a 3 anos, ou de 4 a 6 anos en «Sen actividades (acompañamento)», aparecerá unha casilla para indicalo. Non se ofrece coidado infantil nin se pode garantir un espazo ou actividades de espera en todos os centros, pero cada centro procurará atender as necesidades que indiques en «Observacións» na medida das súas posibilidades.

Pode unha persoa de 13 a 17 anos escoller o percorrido de adultos?

Si. Para as franxas de 13 a 14 e de 15 a 17 anos pódese escoller entre actividades infantís e percorrido de adultos. Revisa a opción elixida para cada acompañante antes de enviar o formulario.

Hai que consultar a idade recomendada das actividades de cada centro antes de inscribirse?

Si, especialmente se vas escoller actividades infantís para unha crianza de 4 a 6 anos: só poderá participar se o programa do centro admite expresamente esa idade. As actividades infantís están dirixidas principalmente a partir dos 7 anos.

O día da visita e outras dúbidas

Onde consulto o programa e a localización de cada centro?

Consulta o programa de cada centro na web do evento: cienciasingular.usc.es. Na páxina de estado da túa inscrición atoparás as ligazóns á localización dos centros para planificar os desprazamentos entre visitas.

Como acredito a miña inscrición na entrada?

Polo xeral, abonda con indicar no rexistro de entrada os apelidos que constan na inscrición ou o número de teléfono facilitado ao inscribirte. Por se hai algunha incidencia, podes ter á man o correo de confirmación ou a ligazón á túa páxina de estado.

Podo acceder con animais de compañía?

Non se permite o acceso con animais de compañía, agás cans de asistencia.

Que fago se finalmente non podo asistir?

Cancela a visita desde a ligazón que recibiches por correo, para que a praza poida asignarse a outra persoa. Se non vas acudir a ningún centro, tamén podes borrar a inscrición completa. Estas opcións están dispoñibles ata o 23/10/2026 ás 22:00; despois, contacta con citius.tic@usc.es.

Podo participar se respondo «Non» á autorización de imaxes?

Si. É obrigatorio responder «Si» ou «Non» no formulario, pero autorizar as imaxes é opcional: responder «Non» non impide inscribirse nin participar. A pregunta refírese á captación, reprodución e difusión das imaxes obtidas durante o evento.

Como se solicita que non se fotografen menores de idade?

Ao chegar ao centro, comunica ao persoal que non autorizas o uso das imaxes e pregunta polo distintivo identificativo.

Con quen contacto se escribín mal o correo ou non recibín a confirmación?

Escribe a citius.tic@usc.es ou chama ao 881816413. Indica o teu nome e os datos necesarios para localizar a inscrición, pero non envíes información sensible que non che pidan.