Rede de Centros Singulares de Investigación da USC

  • Representación del Edificio CiQUS
  • Representación del Edificio CiMUS
  • Representación del Edificio CiTIUS
  • Representación del Edificio IGFAE

CIENCIA SINGULAR

A investigación de excelencia da USC abre as súas portas á cidadanía galega

A Rede de Centros Singulares de Investigación (RCSI) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) celebrará o vindeiro sábado 28 de novembro unha xornada de divulgación destinada a amosar á sociedade o labor de excelencia que realizan os catro centros da rede (CiQUS, CiMUS, CiTIUS e IGFAE).

A situación pola que atravesamos este ano obríganos a prescindir da habitual xornada de portas abertas. A pesar diso, elaboramos un completo programa de contidos en liña dirixido a todos os públicos que permitirá achegarnos, dende casa, á ciencia excelente. Entre os contidos que propoñemos nesta edición, poderemos atopar charlas en directo cos nosos expertos, visitas virtuais aos laboratorios ou experimentos para os máis curiosos.

Un percorrido por este ecosistema científico permitirá coñecer o valor engadido que esta rede está a achegar á mellora da calidade de vida das persoas, non só na nosa contorna máis próxima, senón tamén a nivel global.

* A participación nalgunhas actividades require inscrición previa (gratuíta).

CiQUS

Química Biolóxica e Materiais Moleculares

usc.es/ciqus

A Química é unha das ferramentas máis poderosas coas que conta a sociedade para afrontar os desafíos do século XXI. Cada día, o compromiso dos investigadores do CiQUS permite explorar novas aplicacións en campos como a saúde (Química Biolóxica e Médica), ou a industria (Materiais Funcionais, Catálise). En só nove anos o centro tense consolidado como referente de investigación interdisciplinaria na fronteira entre a Química, a Biomedicina e a Ciencia de Materiais.

Videos

Benvida ao CiQUS

Conversas cos nosos investigadores

Breve introdución ao mundo molecular: da síntese química á manipulación atómica

Breve introdución ao mundo molecular: da síntese química á manipulación atómica

Conversas cos nosos investigadores: Diego Peña Gil
Nesta charla explicaremos a relevancia das moléculas e as dificultades que temos os químicos para preparalas. Ademais, comentaremos como os últimos avances en microscopía permítennos estudar ás moléculas cunha aproximación nova que finalmente axudará a dominar o mundo molecular.

Nanomedicina: como fabricar nanoferramentas e os seus usos.

Nanomedicina: como fabricar nanoferramentas e os seus usos.

Conversas cos nosos investigadores: Beatriz Pelaz García
O “nano” veu para quedar. A nanotecnoloxía ofrécenos ferramentas moi potentes para mellorar moitos aspectos da nosa vida cotiá, incluíndo a saúde. Nesta charla falaremos sobre que nos ofrece e como se crean este tipo de sistemas.

Química computacional contra o SARS- CoV-2: o que o ollo non ve na COVID-19

Química computacional contra o SARS- CoV-2: o que o ollo non ve na COVID-19

Conversas cos nosos investigadores: Rebeca García Fandiño
Non todos os experimentos fanse en matraces e tubos de ensaio. Algúns levanse a cabo en computadores moi potentes que nos permiten “ver” as moléculas a unha resolución inalcanzable a día de hoxe por ningunha técnica experimental. Nesta charla mostraremos o que estas ferramentas computacionais están a ensinarnos sobre o polémico remdesivir, os seus excipientes, e o papel crave que parecen xogar os lípidos das nosas células na COVID-19 e as súas posibles secuelas a longo prazo.

Producindo unha vacina contra SARS-Cov2 a partir de ciencia “inútil”

Producindo unha vacina contra SARS- Cov2 a partir de ciencia “inútil”

Conversas cos nosos investigadores: José Manuel Martínez Costas
Mentres faciamos investigación básica (esa que é complicada de entender e parece que non serve para nada), no noso grupo desenvolvemos unha metodoloxía que demostrou ser eficaz (100% de eficacia) como vacina contra dous virus diferentes en modelos animais relevantes. Con esta metodoloxía estamos a desenvolver unha vacina contra o SARS- Cov2 pandémico que poida acceder a ensaios clínicos en colaboración cun laboratorio de alta seguridade biolóxica.

Infiltrados no laboratorio

Xogando coa química

Visita virtual

CiMUS

Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas

usc.es/cimus

O CiMUS ten como obxectivo promover o desenvolvemento da investigación interdisciplinar no campo das ciencias biomédicas, a través da interacción e a colaboración interna e con grupos nacionais e internacionais de relevancia. Como resultado deste esforzo, no noso centro alóxanse distintos grupos cun gran potencial en investigación básica e outros cun compoñente máis traslacional, que son altamente recoñecidos nos seus campos.

A nosa actividade científica céntrase na prevención, o coñecemento e o tratamento de enfermidades crónicas nas áreas de cancro, cardio-metabolismo e Neurociencias, así como nas áreas transversais de xenómica, vehiculización de fármacos, descubrimento de fármacos e medicina rexenerativa.

Videos

Benvida ao CiMUS

Charlas divulgativas

Visita virtual ao centro

Proxectos destacados

Dentro do laboratorio

Obradoiros de ciencia

Esferas de uso múltiple

Esferas de uso múltiple

Unha experiencia práctica baseada nos principios dos materiais para a administración de fármacos. Neste demostrador observaremos a formación de microcápsulas de alxinato mediante o método coñecido como xelificación ionotrópica. Este consiste en mesturar gota a gota unha disolución de alxinato de sodio nunha disolución de cloruro de calcio de maneira que se formen instantaneamente esferas de alxinato mediante a interacción electrostática de ambos componentes. O uso da esferificación está amplamente estendido na industria alimentaria e na medicina; neste último campo tamén se emprega para o encapsulamente de fármacos.

Descifrando a PCR: que é e para que serve?

Descifrando a PCR: que é e para que serve?

A PCR (Reacción en Cadea da Polimerasa) está de actualidade. Algúns medios chámana erroneamente “proba da COVID” cando é unha proba máis pola que se pode detectar o virus. Se queres saber como se fai unha no laboratorio e como se interpretan os resultados, este é o teu obradoiro.

Prións: vacas tolas, cervos zombies e moito máis

Prións: vacas tolas, cervos zombies e moito máis

Descubre o Prionlab do CiMUS, onde traballamos para entender cómo se propagan os prións, uns enigmáticos axentes infecciosos que carecen de ácidos nucleicos, e parecen desafiar as leis básicas da Bioloxía. Os prións son auténticas "proteínas zombies" que cunha "mordedela molecular" converten unha proteína normal en priónica. Fuxe deles...!!!

SeqCOVID: secuenciación do xenoma do coronavirus

SeqCOVID: secuenciación do xenoma do coronavirus

No presente vídeo explicamos a importancia de descifrar os xenomas de coronavirus para avaliar a súa transmisión, evolución e deseño de terapias. Así mesmo, os mostramos como secunciamos mostras de pacientes galegos nas nosas instalación do laboratorio do Dr. Jose Tubío, Genomes & Disease

Visualización ao microscopio: de células a órganos

Visualización ao microscopio: de células a órganos

Coñece como esta ferramenta resulta de utilidade na investigación biomédica para observar o que sucede a nivel celular, de tecidos ou órganos. Os nosos investigadores volo amosan.

CiTIUS

Tecnoloxías Intelixentes

citius.usc.es

O CiTIUS traballa no desenvolvemento dunha nova xeración de tecnoloxías intelixentes que integren a Intelixencia Artificial (IA) nos diferentes niveis existentes entre o mundo físico e o cognitivo. O obxectivo é tirar proveito das potencialidades da IA na resolución de problemas cada vez máis complexos e poñela ao servizo das persoas, garantindo a trasparencia e a confiabilidade. Entre as súas múltiples aplicacións figuran eidos como a saúde, a industria, o transporte ou as cidades intelixentes.

Videos

Directo

IGFAE

Física de Partículas, Astropartículas e Nuclear

igfae.usc.es

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías é un centro acreditado como Unidade de Excelencia “María de Maeztu” cuxas áreas de investigación tentan responder moitas das preguntas esenciais da natureza física: o estudo da realidade microscópica a nivel fundamental (Modelo Estándar), a conexión entre física de partículas e cosmoloxía, e a estrutura nuclear e as aplicacións médicas. Desde a súa fundación, a colaboración en grandes infraestruturas internacionais como CERN forma parte do ADN do IGFAE.